Rueda destaca en Madrid os Concertos do Xacobeo como símbolo do modelo turístico e cultural de Galicia

Entre os artistas participantes neste edición atópanse nomes como Lenny Kravitz, Alanis Morisette, Tanxugueiras ou Xoel López

Galicia Calidade
Turismo de Galicia
Concertos do Xacobeo 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid os Concertos do Xacobeo 2025, unha iniciativa que considera clave para reflectir o modelo turístico e cultural polo que aposta Galicia: un turismo de calidade, sustentable e auténtico.

Na presentación, que contou coa participación do alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, o presidente autonómico remarcou que “a música tamén é o Camiño” destacou que “esta Galicia de brazos abertos, esta Galicia na que non nos sobra ninguén e todo o mundo é benvido” conta cunha “oferta enorme” grazas a unha “potencia cultural que sempre estivo aí e que cada vez colle máis nome”.

Durante o acto, que contou coas interpretacións musicais de Luz Casal e Xosé Manuel Budiño, o titular do Goberno galego sinalou que “nesta rampla de lanzamento que temos ata o ano 2027” —coa celebración do vindeiro Ano Santo— “a música vai ter moitísimo que ver”, poñendo en valor tamén a importancia da gastronomía, o clima ou a paisaxe dentro do atractivo turístico da Comunidade.

O presidente da Xunta subliñou a colaboración público-privada como un dos piares do éxito da proposta dos Concertos do Xacobeo, apuntando que as empresas musicais “crean marca Galicia” e instou ao Goberno central a activar exencións fiscais para as empresas colaboradoras, tal e como se fai noutros territorios con celebracións culturais de relevancia. “Espero que os incentivos fiscais que se nos comprometeron xa a partir de xaneiro deste ano e que non chegaron aínda cheguen canto antes”, sinalou.

Desde o Xacobeo 21-22, máis de 2,5 millóns de persoas participaron nas actividades impulsadas baixo esta marca, que se consolidou como un motor económico e social. Este ano, os Concertos do Xacobeo acollerán case 100 eventos en máis de 50 localidades de toda Galicia, reunindo a 700 artistas de primeira liña, tanto internacionais como nacionais e galegos. A programación combinará grandes nomes da escena musical global, como Kings of Leon, Lenny Kravitz ou Alanis Morisette, con recoñecidos artistas galegos como Tanxugueiras, Guadi Galego ou Xoel López.

A diversidade da programación, tanto en estilos como en formatos, permitirá atraer a públicos variados e reforzar a imaxe de Galicia como destino cultural dinámico, onde tradición e modernidade conviven nos escenarios.

Cabe destacar que Galicia Calidade estará presente nos Concertos do Xacobeo 2025, e como reflexo disto, hoxe tras a presentación, os asistentes puideron degustar unha variedade de produtos certificados co selo de garantía Galicia Calidade, de empresas como: Pazo do Queixo, Pazo de Anzuxao, Torre de Nuñez, A Rosaleira, Coren, Rosa de los Vientos, Escuris, Artesa Rías Baixas, Tartas la Abuela, Tahona de Melide, Vía Romana, Quinta do Buble ou Estrella Galicia.

Presentación no Teatro Eslava
Ao acto de presentación dos Concertos do Xacobeo 2025 celebrado esta mañá seguiralle xa pola tarde un concerto para diferentes prescritores, turoperadores e medios especializados no Teatro Eslava.  O programa conta coas actuacións de Carlos Ares, Xoel López e Señora DJ.

instagram facebook twitter youtube